É o momento

Veciñanza fai parte dende a primavera de 2015 do espazo do municipalismo galego, que con tan bos resultados irrompeu nas municipais daquel ano. Conscientes de que o local é un chanzo imprescindible para a transformación nacional, e viceversa, estivemos sempre dispostas á articulación electoral que representara ese espazo en Galicia. Un camiño, o da unidade popular, encetado en 2012 e que sufriu non poucas alteracións que merecen unha fonda e sincera autocrítica, pero que tamén deu resultados positivos e vitorias importantes ao longo destes anos. Ata o momento, o obxectivo de promover un cambio de orientación progresista e nacional no Goberno Galego non puido ser cumprido, pero para moitos/as de nós segue a ser unha aspiración pola que paga a pena asumir máis contradicións das que xa de por si conleva o feito de facer política para as maiorías.

Ante o novo reto electoral de 2020, e nunha situación de absoluta anormalidade democrática provocada polo uso indiscriminado por parte do Partido Popular dos medios, recursos e institucións públicas no seu propio interese, tamén ante a situación critica que vive o noso País de maneira transversal en todos os sectores, a asemblea de Veciñanza acordou apoiar a candidatura de coalición na que se inclúe a representación do municipalismo galego: Galicia en Común – Anova – Mareas. Non se dan as condicións de unidade popular e xenerosidade partidista que para nós serían desexables, pero malia iso, entendemos que o noso compromiso está en sumar na medida das nosas posibilidades en favor dunha maioría de esquerdas no Parlamento Galego que poida formar un goberno de orientación progresista e en clave nacional.

Os once anos de Goberno de Alberto Núñez Feijóo foron especialmente lesivos para Cuntis. A falta de apoio real e investimentos están detrás, en boa medida, do declive poboacional que padecemos no noso municipio. O desprezo absoluto polo desenvolvemento do Polígono Industrial da Ran, o bloqueo do Centro de Día (que finalmente puido ser habilitado co consenso da Corporación Municipal e logo de que o PP o bloqueara no 2009 ao chegar á Xunta), a carencia dunha Escola Infantil Pública que nos axude a fixar poboación ou os continuos ataques do SERGAS á Sanidade Pública en Cuntis (coas ausencias de profesionais ou coa tentativa de suprimir o servizo de Pediatría) son só algúns dos exemplos que demostran que Núñez Feijóo foi nocivo para a nosa vila, para o noso día a día.

É o momento.

É o momento de levar ás urnas as mobilizacións en defensa do servizo de pediatría, as reclamacións pola deficiente atención sanitaria do Centro de Saúde de Cuntis (malia os excelentes profesionais que con tantas limitacións realizan as súas funcións), o agradecemento ao persoal sanitario durante o confinamento ou a indignación colectiva ante o abandono ao que o Goberno Galego nos someteu nos últimos anos. O 12 de xullo debemos provocar unha gran mobilización alí onde Feijóo pretendía que nada se movera, cometendo a impresentable temeridade de convocar un proceso electoral no medio dunha pandemia e baixo medidas sanitarias de absoluta excepcionalidade.

Para construírmos o futuro, hai que botalos.

Share

Tamén pode gustarche...